En calquera caso, a tradición oral podería estar baseada nalgunha das pestes das que hai constancia que tiveron lugar desde a segunda metade do século XVI.Sabemos concretamente dunha que afectou directamente ó Couto de Codeseda (e polo tanto non só a Codeseda, senón tamén a Liripio e Sabucedo, pertencentes entón a ese Couto). Foi a peste bubónica (“mal de bubas”) do ano 1567. No “Tumbo E” da Catedral de Santiago hai esta anotación: “Año de mill e quinientos sesenta y siete por el mes de Octubre empeçó la pestilencia en el puerto del Grobe y duró más de año y medio; y de allí dio en Caldas de Reyes, en Codeseda, en Noya, en Rianjo; y por Mayo de sesenta y nuebe empeçó en la villa de Vigo y en la ciudad de Santiago, y duró en ella hasta el mes de henero de setenta. Murieron en Sanctiago ocho mil personas de toda suerte”. Naturalmente, desta ou outras pestes posteriores non pode haber constancia nos documentos parroquiais, dado que estes comezan a escribirse a finais do século XVII (no ano 1682).
San Lourenzo de Sabucedo é unha parroquia situada no sur do concello da Estrada (Pontevedra) cunha extensión de 5,9 Km2. Conta cunha soa entidade de poboación e na actualidade non supera os 60 habitantes. Porén, en Sabucedo ten lugar unha das máis elevadas manifestacións de autenticidade, identidade e vontade colectiva de todas as que integran o noso vasto legado cultural: A rapa das bestas de Sabucedo.
A rapa das bestas comeza rememorando o vínculo ancestral das bestas co divino. Durante a misa da alborada pídeselle protección a san Lourenzo para os animais e as persoas que participan na festa.A continuación súbese ao monte na procura dos cabalos. Veciños e visitantes colaboran en grupos xuntando as greas. Finalmente, o sábado, condúcense nun grande cerco á aldea. A parte máis espectacular da festa é o curro, onde aloitadores e cabalos confrontan técnica e forza corpo a corpo nunha loita para dominar o animal e cortarlle as crinas.
Existe unha zona de acampada habilitada e unha sorprendente oferta de ocio nocturno.