MUSA 2019

PROGRAMA

10.30 h.  MARCHA comentada da Ruta de Sabucedo.

  • Saída dende o curro novo. 10 km de carballeiras, sendeiros do río, muíños, curro vello e igrexa, o pobo, a exposición exterior da Rapa, as bestas, os castiñeiros, os petróglifos, as fontes,…

12.00 h.  Apertura do MERCADIÑO DE OUTONO

13.00 h.  XUNTANZA NO MUÍÑO do Mestre.

  •  Visita guiada coa serra, o muíño, e o forno funcionando.
  •  Aperitivo con sidra da Estrada e musical co grupo AIRIIÑOS DE CALDELAS
  • Inicio dos obradoiros de pan e filloas.
  • XANTAR con produtos da Terra de Montes
  •  Sobremesa cantada.

16.30 h.  OBRADOIROS de pan, filloas e setas recollidas durante a ruta.

17.30 h.  OBRADOIRO DO SAMAIN para nenos ata 95 anos:

  • Calacús, vestimentas, maquillaxe..
  • CHARLA-COLOQUIO “De Samaín a Hallomaín:
  • Biografía dunha perversión”, a cargo de Rafael López Loureiro, profesor e investigador.

18.00 h.  MOSTRA-DEGUSTACIÓN da Cociña de Outono a cargo de Xulio Guerra, profesor técnico de cociña da Escola de Hostalería de Santiago.

18.30 h.  SERÁN MUSICAL

19.30 h.  Saída da Procesión da SANTA COMPAÑA.

  •  Queimada con responsos no cruceiro a carón da Igrexa.

20.30h.  Noite do SAMAÍN – MAGOSTO no Teleclube

22.30h.  CONCERTO a cargo de IVÁN RODRÍGUEZ.

Presentación das conclusións do GOI

O pasado sábado día 5 de outubro, Sabucedo acolleu unha xornada de presentación dos resultados dun proxecto no que a Asociación Rapa das Bestas leva traballando case tres anos en estreita colaboración co grupo Biocost da Universidade da Coruña, coa empresa 3edata e co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (AGACAL).
Unha iniciativa pioneira que partiu da creación dun Grupo Operativo de Innovación (GOI Bestas), coordinado pola Asociación Rapa das Bestas, para desenvolver un proxecto que procura solucións innovadoras para xestionar e por en valor o sistema tradicional de manexo dos cabalos salvaxes ou bestas de Galicia. O proxecto  desenvolveuse maioritariamente en Sabucedo, con algunhas accións na finca experimental do Marco da Curra, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
Unhas solucións baseadas eminentemente na tecnoloxía das cales destacan:
• O uso de colares GPS nas eguas durante un ano, que permitiu establecer recomendacións para a correcta aplicación desta tecnoloxía noutros montes e proporcionou valiosa información da poboación de Sabucedo. Por exemplo, o censo de 255 animais (excluíndo poldros do ano), con áreas de campeo de 200-500 ha nas greas estables e entre 8-29 individuos por grea, que teñen unha alimentación moi equilibrada entre herbáceas e toxo.
• Unha acción dedicada ao uso de drons por medio da cal tres membros da Asociaciónbacreditáronse como pilotos para comezar a utilizar esta ferramenta na xestión das greas. Unha tecnoloxía que aporta principalmente tres utilidades: asiste no traballo no monte de revisar as greas, permite mover unha grea cando están nunha zona problemática e tamén adquirir imaxes dende o aire fundamentais para por en valor as bestas con gran potencial para investigación.
Unha ferramenta cartográfica desenvolvida entre a UDC e 3edata para asistir na xestión de comunidades de montes con bestas, que inicialmente permite identificar as zonas con mato denso e excesivamente desenvolvido en altura con maior risco de incendios. Pero sobre todo esta ferramenta constitúe unha iniciativa innovadora no senso que por primeira vez se relaciona a xestión do medio forestal e a conservación de hábitats coa presenza de cabalos salvaxes no monte pondo en valor esta funcionalidade esencial das poboación de cabalos nativos que habitan nas serras de Galicia.
• Construíuse un peche electrificado para observar e poder comparar a efectividade e vantaxes e desvantaxes fronte a outro tipo de peches feitos con arame ou malla máis tradicionais.
Por outra banda, expuxéronse os resultados das accións desenvolvidas no Marco da Curra que puxeron de manifesto uns primeiros datos sobre o efecto positivo dos cabalos no mantemento da calidade e produtividade de pastizáis mellorados Finalmente, expuxéronse os avances en acordos de custodia nun contexto complicado con múltiples comunidades de montes e propiedades privadas Inaugurou o acto o tenente alcalde de A Estrada Juan Constenla. Para pechar a xornada, o invitado de honor D. Enrique Alonso García, Consejero de Estado, proporcionou aos asistentes a súa visión sobre a relación entre cabalos e humanos, e a importancia das poboacións de cabalos silvestres no marco Europeo, felicitando aos responsables do proxecto polo punteiro dos plantexamentos .
Ao rematar a conferencia abriuse unha mesa redonda na que participaron todos os asistentes con preguntas de diversa índole, sobre todo dirixidas a problemáticas como a do lobo ou a problemática da relación entre besteiros e comunidades de montes, dende diversos puntos de vista, como o legal, o ecolóxico, o social.
A xornada completouse cunha exposición de ferramentas tradicionais e innovadoras relacionadas co manexo dos cabalos salvaxes, unha exposición sobre a Rapa das Bestas e sobre os valores dos cabalos bravos e o seu sistema tradicional de manexo e tamén con diferentes elementos relacionados cos cabalos e as rapas dente un punto de vista máis artísitico, fotorafías, óleos, pezas de artesanía…Un peche con ambiente festivo, música e degustación de produtos locais foi o colofón dunha xornada instrutiva e amena.
Asistiron case un cantear de persoas. A organización valora positivamente a alta asistencia de veciños de Sabucedo interesados no proxecto e a asistencia de besteiros de outras zonas de Galicia (Serra do Xistral, Serra da Groba) algúns biólogos interesados nesta temática…. En resumen, un foro ideal no que se deron cita persoas interesadas polos cabalos, os curros e a conservación deste sistema tan valioso que temos en Galicia.