Sendeirismo

Sendeirismo

 

Ruta dos muíños de Vesacarballa

A ruta dos muíños de Vesacarballa e Serra do Mestre é un percorrido circular de aproximadamente 1 quilómetro. Destaca pola beleza das ribeiras e axuda a comprender  a importancia do río como espazo de produción e como centro de boa parte das relacións sociais da aldea. A ruta visita cinco muíños e un serradoiro. Destes cinco, dous son muíños particulares coñecidos como “muíño de Barreiro” e “muíño de Pura”; e os outros tres son muíños comunais: “muíño das Paradas”, “muíño do Medio” e “muíño dos Obelleiros”. O “Serradoiro de Regueiro” ou “Serra do Mestre” é de propiedade particular e foi cedido pola familia Regueiro á Asociación Rapa das Bestas para realizar visitas.

A ruta de Sabucedo

Ademais da rapa, Sabucedo conserva un excelente patrimonio material e natural que se pode visitar durante todo o ano grazas á recente creación da Ruta de Sabucedo.

O percorrido comeza no curro novo e segue pola fermosa carballeira do Campo do Medio ata o entorno do regato de Vesacarballa, moi preto do lugar de Sabucedo, Neste  tramo de río, de aproximadamente 1 km, existen cinco muíños e un serradoiro.

O camiño continúa atravesando o río por unha ponte de madeira, a Ponte dos Veciños, para subir, dende a ribeira do río, de novo cara o lugar de Sabucedo. Este tramo, no que se visitan as máis senlleiras construcións de Sabucedo (a Igrexa, o curro vello, etc), discorre tamén entre as casas da aldea en cuxas fachadas, se pode contemplar unha exposición exterior e permanente de fotografías e paneis informativos sobre a Rapa das Bestas. Fotógrafos ilustres como Tono Arias, Miguel Riopa, ou Anxo Cabada, cederon as imaxes que ilustran a celebración ancestral que da fama a Sabucedo, de xeito que poida admirada de maneira gratuíta e sen horarios, fora das datas en que se celebra a rapa.

O derradeiro tramo da ruta discorre polos montes mais achegados a Sabucedo onde o visitante pode admirar varios petróglifos que hai na zona e que coroan os cumios, desde onde temos vistas de toda a contorna. Dende aquí regresamos ao punto de partida rematando así un percorrido circular duns 10 km.

A Ruta de Sabucedo, nunha parte do seu traxecto e grazas á colaboración coa Asociación Codeseda Viva, comparte o percorrido coa Ruta-Reto Codeseda Sabucedo PR-G 197, unha ampla senda de 30 km que se encamiña dende o río Umia ate os altos da Serra de Montouto nunha traxectoria espectacular que satisfará aos sendeiristas mais ambiciosos.

Reto Codeseda-Sabucedo

Ruta circular que discorre entre las aldeas de Codeseda e Sabucedo, sinalizada e homologada pola Federación Galega de Montañismo coas siglas PRG-197.
O trazado completo é duns 30 km. Se se quere realizar completa convén ter en conta os tempos indicados de duración estimada. Tamén existe a posibilidade de dividila en dúas utilizando a variante que parte da Grela e baixa ata Codeseda.
A ruta parte da aldea de Codeseda e diríxese a Fontenlo para logo encamiñarse cara ao río Umia para percorrer un treito duns 6 km á beira do río ata a aldea de Marcenlos, podendo contemplar algún muíño.
A partir deste punto, a ruta discorre por pistas e camiños, pasando por numerosas aldeas como A Agrela, O Coto, A Portela, Vilaboa.
En Sabucedo, chegamos ao conxunto etnográfico dos muíños de Vesacarballa e a Serra do Mestre.
A partir deste punto, ascendemos aos montes de Montouto, onde pastan en liberdade os cabalos salvaxes que participan na rapa.
Logo de visitar a fervenza das Quintas volvemos de novo a Codeseda.

Máis info en www.codeseda.com

® Rapa das Bestas - 2017