Investigación e Innovación

Grupo Operativo de Innovación: Solucións innovadoras para a xestión e valorización do sistema tradicional de cabalos bravos no monte (Feader). FEADER 2017/049B

cadernoproxecto GOI Bestas

Nas montañas de Galicia habita unha poboación numerosa de cabalos bravos, coñecidos como “bestas” ou tamén “garranos”.

Dende tempo inmemorial son conducidos ao curro unha vez ao ano nos famosos “curros” ou “rapas das bestas”. Trátase dun antigo sistema de gran valor cultural, ligado ao entorno natural e que contribúe á conservación da especie, e por ende da paisaxe e dos hábitats.

Os beneficios que estes animais nos proporcionan son numerosos. Agora coñecemos a súa importancia no control do mato e o imprescindibles que son na prevención de lumes forestais, seu papel na conservación dos queirogais húmidos e tamén como medida de diminución dos danos de lobo non gando vacún.

E tamén hai que falar da pegada na alma, na alma de todas esas persoas que manteñen este sistema que herdaron dos seus pais. Besteiros, aloitadores, este proxecto é unha homenaxe a eles.

Innovar para preservar unha poboación singular de cabalos e un sistema tradicional de manexo de enorme valor cultural: os curros e rapas das bestas.

Novas ferramentas para entender o valor dos cabalos bravos na redución da biomasa forestal e na conservación de habitas protexidos.

Obxectivos

O presente proxecto emprega tecnoloxías innovadoras para facilitar a xestión dos cabalos bravos de Galicia e para mellorar o coñecemento do seu papel na conservación e manexo dos hábitats e do medio agroforestal. Paralelamente, poranse en valor os cabalos bravos de Galicia e o seus istema tradicional de manexo, tanto como patrimonio biolóxico e cultural, como polos servizos ecosistémicos que nos proporcionan.

Accións

O seguimento e a monitorización das greas de Sabucedo mediante colares GPS facilitará a localización das bestas, e permitirá describir o uso que fan da vexetación, así como detectar puntos conflitivos onde poderían cruzar estradas ou acceder a leiras.

O uso de drons facilitará a localización das greas, especialmente en zonas remotas, o cal é de gran utilidade por exemplo para a organización do curro.

Avaliaranse peches virtuais e peches electrificados como ferramentas disuarsorias nos puntos conflitivos identificados na acción primeira.

Avaliaranse sistemas de identificación alternativos ao microchip que sirvan para identificar aos animais a distancia no monte.

Avaliación da funcionalidade dos cabalos mellorando o pasto para o gando vacún.

Desenvolvemento dunha metodoloxía para cartografar hábitats e acumulación de biomasa mediante imaxes de satélite e multiespectrais obtidas con drons.

Acordos de custodia do territorio con Comunidades de Montes.

Accións orientadas a divulgar o valor biolóxico, ecolóxico e cultural da poboación de cabalos bravos de Galicia e do seu sistema tradicional de manexo, así como dos servizos ecosistémicos que proporcionan.

Chegar máis lonxe na divulgación dos valores da singular poboación de cabalos do noroeste peninsular.

Grupo Operativo de Innovación: “Solucións innovadoras para a xestión e valorización do sistema tradicional de cabalos bravos no monte” Cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).  FEADER 2017/049B

® Rapa das Bestas - 2017