A Rapa
San Lourenzo de Sabucedo é unha parroquia situada no sur do concello da Estrada (Pontevedra) cunha extensión de 5,9 Km2. Conta cunha soa entidade de poboación e na actualidade non supera os 60 habitantes. Porén, en Sabucedo ten lugar unha das máis elevadas manifestacións de autenticidade, identidade e vontade colectiva de todas as que integran o noso vasto legado cultural: A rapa das bestas de Sabucedo.
A rapa das bestas comeza rememorando o vínculo ancestral das bestas co divino. Durante a misa da alborada pídeselle protección a san Lourenzo para os animais e as persoas que participan na festa. A continuación súbese ao monte na procura dos cabalos.