Orixe e Historia

Dous cabalos en branco e negro

Festa declarada de interese turístico internacional.

A Rapa das Bestas de Sabucedo é unha manifestación cultural de gran autenticidade. Os actos comezan cun ritual ancestral que rememora o vínculo dos cabalos co divino, seguido da subida ao monte para agrupar as mandas salvaxes. A festa culmina no Curro, onde os “aloitadores” inmobilizan os cabalos a man para cortarlles as crinas, nun espectáculo de forza. O evento tamén ofrece zona de acampada e lecer nocturno.

A Lenda

A tradición popular de Sabucedo sostén que a orixe da Rapa das Bestas se remonta a unha gran peste. Para evitar o contaxio, dúas irmás ofrecéronlle a San Lourenzo dúas eguas a cambio da súa protección. Tras a praga, cumpriron a súa promesa, entregando os animais ao párroco. Co tempo, as eguas multiplicáronse, dando lugar ás mandas que hoxe habitan os montes da zona.

Aínda que non hai rexistros directos deste feito nos libros parroquiais, existen topónimos na rexión, como “A Cabana” ou “Carballeira das Vellas”, que suxiren unha posible conexión coa lenda. A tradición oral podería ter a súa base nas pestes documentadas a partir do século XVI, como a peste bubónica de 1567, da que existen rexistros históricos na Catedral de Santiago. Non obstante, non hai probas nos documentos parroquiais, xa que estes comezaron a escribirse a finais do século XVII, despois das grandes pragas.

Patrimonio Ancestral

Non hai certeza sobre cando o pobo de Sabucedo se relacionou coas “bestas”. Sen embargo, nos montes onde viven os cabalos atópase un notable Patrimonio Ancestral. A zona está salpicada de numerosos petróglifos (gravados en rocha) e mámoas (túmulos funerarios) que datan de hai miles de anos. Estes vestixios arqueolóxicos fálannos da antiga presenza humana e cultural neste contorno.

Prospección Arqueolóxica

Así como Roma ten a Rómulo e Remo, a Rapa das Bestas de Sabucedo ten dúas nais lendarias. Unha prospección arqueolóxica conservou os vestixios da súa suposta vivenda, coñecida como “A Casa das Vellas”.