Sabucedo é un pobo pequeno, humilde e solidario. Sempre orgulloso do seu, por iso , loitamos
para manter o que nos fai mellores como pobo e como colectivo, que son as nosas bestas o
seu hábitat e todo o patrimonio cultural intrínseco desta relación simbiótica entre cabalos e
veciños e veciñas de Sabucedo e da súa contorna.
Recentemente plantexáronse catro proxectos eólicos no territorio no que viven as mandas
salvaxes de Sabucedo, son montes cun riquísimo patrimonio arqueolóxico e sobre todo
natural, onde as bestas son as grandes protagonistas. Trátase dunha especie, moi territorial,
que se convirte nun actor fundamental para a conservación de outras moitas especies que
viven na zona. Conserva as matugueiras e os queirugais húmidos e secos da zona, hábitats
protexidos pola súa altísima capacidade para captar CO2, por certo. Estes animais poden
contribuír ademáis, a resolver algúns problemas derivados da despoboación como un polo
turístico e fixando xente no rural.
Dende o punto de vista cultural, A Rapa das Bestas é a manifestación máis clara da relación
ancestral que manteñen bestas e homes por estas terras, máis cumpre engadir que na zona hai
numerosos achádegos de petroglifos e mámoas, o que fai intuír que pode haber moitísimos
máis vestixios aínda por descubrir.
Con estes proxectos fragmentaríase o seu territorio debido á construción de grandes calzadas
que permitan o acceso a xigantescos transportes cos equipos necesarios para a construción
dos parques. Conleva unhas infraestruturas monstruosas, con pistas, rotondas, desmontes do
terreo, e amplas poligonais que pasarán de ser terreos rústicos a terreos industriais baixo
normas que se rexen por unha lóxica que non impulsará en modo algún a conservación da
biodiversidade da zona. En si mesmo, o concepto de poligonal industrial xa vai contra calquera
lóxica conservacionista.
Dende Sabucedo, sabemos da importancia de implementar enerxías renovables que sumen no
mix enerxético e consecuentemente a diminución da dependencia de combustibles como o
Gas Natural, máis sabemos tamén que non todo vale e que as cousas pódense facer ben ou
mal. Neste caso temos claro que se están a facer mal. Os estragos que ocasionarán non serán
logo reparables, será demasiado tarde. Tampouco entendemos a necesidade imperiosa de
facelo nesta zona, máis alá da parte económica que se embolsarán certas empresas. Para
entender a nosa postura, que se fundamenta na necesidade de protexer o hábitat das nosas
bestas, cumpre entender tamén algúns datos de un carácter máis xeral que pensamos son
descoñecidos.
O actual modelo eólico, só favorece ás grandes empresas en detrimento da cidadanía,
especialmente á cidadanía do rural pois agrava o despoboamento e pon en perigo á
biodiversidade. Galicia é unha comunidade que non precisa xerar máis enerxía , pois está a
exportar unha gran porcentaxe da enerxía que actualmente produce (Por certo, a cambio de
nada). Creemos que fai falla un sistema máis xusto de reparto das cargas desta transición,
baseado no autoconsumo, na eficiencia enerxética, na utilización das zonas xa
desnaturalizadas pola acción do home, nas comunidades enerxéticas, porén nun modelo máis
xusto e equitativo.
Galicia, sendo unha das comunidades cunha maior riqueza na súa biodiversidade, é a
comunidade que peor protexe a súa riqueza medio-ambiental, sendo a última con menos
territorio baixo a protección de Rede Natura 2000. Isto non é casualidade, sempre
antepoñendo os intereses económicos (das empresas que non de Galicia) aos medio-
ambientais e sociais.
Nós non queremos facer política, queremos protexer e por en valor o noso territorio, cos
nosos costumes, co noso patrimonio, coa nosa riqueza medio-ambiental e coa nosa xente.
Queremos ir ao monte e gozar ollando as nosas bestas, sempre ceibes e salvaxes. Queremos
escoitar a terra, o vento, a vida do monte….. Queremos pisar os carreiros, por onde camiñan
as bestas.
Non queremos subir ó monte e tropezar con monstruos de 200 metros de altura, que co seu
incesante ruído invaden todo o territorio. Non queremos ir ao monte por enormes pistas e
rotondas.
Na gala dos Goya que ben de celebrarse, aledounos gratamente e supón un gran acicate a
dedicatoria reivindicativa que o gran gañador da noite fixo sobre Sabucedo e a Rapa na súa
loita contra estas macro infraestruturas eólicas. Non podemos máis que agradecerlle
fondamente o seu apoio. Cando xente intelixente e sensible como Rodrigo Sorogoyen é capaz
de entender as nosas reivindicacións e facernos un apoio tan explícito, xusto nese momento
sabemos que non estamos sós e que unha gran parte da sociedade está a entender esta
problemática. Gran parte da nosa terra sufre a invasión eólica ,contan con todo o noso apoio.
De novo gracias Rodrigo!!!!! E a todos os que queiran sumarse a esta loita estaremos
encantados de recibirvos o 29 de Abril na aldea de Sabucedo nunha gran manifestación que
concentre a loita pola vida e a natureza e o mesmo tempo poder compartir con vos a nosa
paixón polas nosas bestas e polo seu entorno.
Nacemos entre elas, vivimos con elas e somos coma elas!!!!!
Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo